Presentación/proxección O segredo da frouxeira

O venres 19 de febreiro ás 20.00 h presentarase a película-documental O segredo da Frouxeira do director Xosé Abad, que estará na Casa xunto co historiador Enrique Barrera, das asociacións Memoria Histórica Democrática e Fuco Buxán, para falar da proxección e discutir temas relacionados coa Memoria Histórica en xeral. A película, dunha hora de duración, estreouse a finais do ano pasado.

 

http://www.osegredodafrouxeira.com

 

http://www.youtube.com/watch?v=c05q61dop3Q

 

 

Sinopse: Paulino Gasalla atopa por casualidade un pequeno paquete con recortes e recordos familiares. Impresionado polo seu descubrimento inicia unha investigación que lle levará a recuperar a memoria do seu tío avó, Alejandro Porto Leis, derradeiro alcalde republicano en tempos, e tamén a desvelar o seu inxusto final e o de aqueles que foron asasinados con el.

 

O SEGREDO DA FROUXEIRA parte dunha situación particular para presentar o paralelismo entre unha historia familiar concreta coa Historia de boa parte do século XX español. Dous irmáns, Alejandro e Eliseo, separados por cuestións ideolóxicas en dous bandos da Guerra Civil provocarán unha ruptura familiar que chega ata o presente e que só pode reconstruír o esclarecemento dos feitos que levaron á morte a un deles.

 

A familia, que descoñecía ata hoxe o acontecido, enfróntase á reconciliación ou a unha ruptura definitiva como consecuencia desta investigación durísima contra as sospeitas e a incomprensión de moitos.

 

Do mesmo xeito as familias dos outros tres desaparecidos (Modesto del Río, Avelino Landeira e Jesús Miño) afrontan setenta anos de sufrimento e de búsqueda e seguen na procura dos restos destes homes. Ao través do documental os camiños paralelos destas catro familias se xuntan aportando unha novedosa perspectiva ao xeito de contar historias tan cercanas e tan esquecidas.

Leave a Reply