Nas vosas leis non caben os nosos soños

NAS VOSAS LEIS NON CABEN OS NOSOS SOÑOS

 

Desde hai tempo asistimos a un relato repetido sempre con variacións mínimas, situados nun lugar onde os problemas e violencias asociados á vivenda, ó espazo e a propiedade, permitennos observar a súa enorme fraxilidade, unha febleza que favorece o seu uso mercantil. Bens e dereitos básicos vense transformados por causa da especulación e a explotación inmobiliaria, formando unha sorte de hipoteca existencial marcada pola presenza de multitude de espazos abandonados, vivendas non ocupadas, cidadáns sobrevivindo nas rúas, lugares degradados incapaces de xerar vida e actividade. O artigo 47 da Constitución afirma que «todos os españois teñen dereito a disfrutar dunha vivenda digna e adecuada. Os poderes públicos promoverán as condicións necesarias e establecerán as normas pertinentes para facer efectivo ese dereito, regulando a utilización do chan de acordo co interese xeral para impedir a especulación. A comunidade participará  nas plusvalías que xenere a acción urbanística dos entes públicos». O artigo 128, referido á función pública da riqueza, engade un novo matiz: «toda a riqueza do país nas súas distintas formas e sexa cal fora a súa titularidade está subordinada ao interese xeral». 

A propiedade dos espazos erixese en clave absoluta da historia socioeconómica recente. Desde a etapa desarrollista (anos 60 do século pasado), coa aparente modernización do país, percibimos a vixencia dos mesmos plantexamentos: a imposibilidade do chamado progreso a través da súas políticas urbanísticas para conciliar logro estético e habitabilidade, igualdade social e creación de riqueza. O suposto benestar acomodase a medidas excluintes, intereses oligárquicos maquinados a salto de mata, de modo perralleiro, ao servizo da endogamia e os grupos de poder, consentido pola arbitrariedade daqueles que din representar os intereses e dereitos da cidadanía. Orixe do desasosego, da destrucción, da exclusión do auténticamente político, hoxe ese sustrato socioeconómico e ese sistema representativo parlamentario, contrapoñense aos nosos soños e aos desexos colectivos. Cando a necesidade é soñada socialmente, o soño faise necesario. Por iso, para nós a pugna polas ideas, pola autoxestión, polos dereitos de tod*s, non morre xamais.       

O Centro Social Okupado Casa das Atochas, nado o 14 de marzo de 2008, nos seus 21 meses de vida convertese nun emblema da disidencia, unha valiosa metáfora deste estado de cousas, construido sobre as cinzas dun obxecto da especulación, un inmoble abandonado e pertencente a un constructor da zona, e concebido como un espazo social, político e cultural desde o que esbozar proxectos, fomentar o intercambio de pensamento e experiencias, artellar mecanismos de interacción, e mesmo facilitar novas formas de vida, outras relacións sociais, un ocio consciente e autodirixido. Fronte a hexemonía brutal e a falta de respeto á diferenza, en aberta ruptura coa dinámica tradicional traballo /consumo que ofrece de maneira elocuente o sistema capitalista, constrúese un espazo común, un lugar aberto que se enche de iniciativas, proxectos, intervencións rebeldes e insobornables, que permitiron e permiten construir unha alternativa, un discurso coherente, unha vía en prol da autonomía nun momento de desencanto político propiciado desde os sectores do poder.

Cozinha Quente, Comida nom Bombas, o Xantador impopular (verduras recicladas, vegano e gratuito), a emisora Radio Krime, a Asamblea Anarkista, o Colectivo da horta, a Tenda libre, a sucesión de palestras, o programa de proxeccións, os obradoiros (teatro, pandeireta, malabares,…), as diferentes actuacións (danza, teatro, recitais poéticos, performance), exposicións e concertos –versátiles bandas musicais en conexión co proxecto, plural e carente de todo lucro-, así como os diferentes grupos de traballo, lograron crear un espazo libre e cheo de vida. Belixerante coas formas de exclusión, A Casa das Atochas, con outros colectivos e espazos de loita presentes no barrio e na cidade, foi capaz incluso de amosar a perversidade municipal cara á destrucción do barrio, unha decisión, exemplificada na defensa da rúa Atocha Alta, que fai fincapé nas dimensións patrimonial, histórica, identitaria e ata a singularidade da tipoloxía urbanística e dos modelos de vivenda tradicionais da zona.

Hoxe este espazo do común, onde se uniron consumo consciente, reciclaxe, igualdade e respecto polos demais, onde activismo e contracultura amosaron a súa feliz fusión, corre perigo. Inmers*s nunha sociedade de consenso que demasiadas veces prefire o acordo irreflexivo e desinformado ao desacordo sensato e radical, nós, fronte á pasividade, preferimos a movilización; fronte á aceptación dos dogmas impostos, decidimos exercer a nosa liberdade. Por iso, fronte á especulación e o despotismo da propiedade, a nosa acción non deixa lugar a dúbidas:

 

A CASA DAS ATOCHAS VIVE!

E QUE DURE…

CONTRA A ESPECULACIÓN, OKUPACIÓN     

Leave a Reply