O xenérico e máis aló/xornadas de traballo e debate sobre o urbanismo de As Atochas - Monte Alto
1. “A Cidade dos Barrios” é un proxecto de análise de A Coruña promovido polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, no que o noso papel é intentar recaba-las opinións d@s veciñ@s sobre os seus barrios e realizar algunha actividade complementaria relacionada co urbanismo.
2. Ademáis da instalación dunha serie de paneis nalgún lugar central do barrio –nos que @s veciñ@s poidan expresa-las súas dúbidas, críticas, desexos, etc. sobre o seu entorno cotián–, como parte do traballo nas Atochas e Monte Alto (terceiro experimento deste proxecto) gustaríanos visibiliza-las relacións entre o urbanismo, a cidade real e os múltiples discursos políticos e culturais que se producen arredor dos catro centros sociais das Atochas.
3. Para comezar, tíñamos pensado tratar este tema desde dous puntos de vista:
> Dunha banda, xa que as administracións públicas e o mercado pretenden transforma-lo barrio baseándose en argumentos exclusivamente técnicos e en nocións malentendidas coma “tapón urbanístico”, gustarianos debater sobre si as cualidades do tecido urbano onde se sitúan estos centros sociais teñen relación ca súa aparición, de tal xeito que poideramos construir outros discursos urbanísticos que sí teñan en conta as produccións sociais autónomas e as súas consecuencias claramente positivas para as cidades.
> E por outra banda, gustarianos “traducir” os discursos, reclamacións e desexos sociopolíticos de cada un dos procesos que xiran arredor destes centros sociais en plantexamentos e posicionamentos urbanísticos, de forma que poidamos construir ferramentas de traballo autónomas para actuar na realidade dos barrios tamén desde a arquitectura/urbanismo.
4. As reunións de traballo e debate nos centros sociais están planificadas da seguinte maneira:
> Centro Social Atreu! > luns 9 / 20:30
> Asociación de Veciñ@s de Atochas – Monte Alto – Torre de Hércules > martes 10 / 17:00
> Centro Social Okupado Casa das Atochas > martes 10 / 20:30
> Centro Social Gomes Gaioso > [sen confirmar]
5. Tralas xornadas de traballo desta semana (luns 9 e martes 10), tentaremos producir un ou dous paneis [ou os que fagan falla…] desde cada centro social cas reflexións e propostas que xurdan. Estes paneis instalarianse xunto con outros [que proporía Ergosfera] para que participen @s veciñ@s nun lugar moi transitado, probablemente na esquina do Campo de Marte ca rúa da Torre (fronte ó local da Asociación de Veciñ@s).
6. O que reflicta cada un destes paneis é algo totalmente aberto, e o obxectivo destas xornadas é tentar que calquer desexo/crítica/reclamación das persoas e grupos que xiran arredor destes centros sociais poida quedar patente a través das súas relacións ca cidade real e os procesos urbanísticos que teñen lugar na mesma.
* Por suposto, a asistencia a estas xornadas é completamente libre e non ten nada que ver con vivir no propio barrio. Cantas máis persoas vencelladas a calquera dos procesos e actividades que acollen estes lugares participe, máis subxectividades entrarán en xogo e máis xeitos atoparemos de problematiza-las formas convencionais de facer urbanismo.
Tendo en conta que neste barrio xa existe unha certa estructura social crítica cas inxustizas urbanísticas máis coñecidas (especulación, mobbing, falta de espazos e equipamentos públicos, etc.), algúns exemplos de cuestións que nos gustaría debater e traballar nestas xornadas (ademáis da calquer outra vencellada directamente os desexos e reclamacións sobre a realidade urbana do barrio) poderían ser:
ACTIVIDADES
Que limitacións producen as leis e ordenanzas municipais á hora de organizar actividades no espazo público? Que obxectos e/ou tecnoloxías ampliarían as posibilidades de organizar máis actividades no espazo público? Que clase de infraestrutura faría falla, por exemplo, para que os procesos de reciclaxe (de comida, de mobles, etc.) fosen máis eficaces no barrio? Como podemos facer viable a autoxestión de certos elementos urbanos (bancos, mesas, luces, electricidade, etc.) presentes no espazo público?
ESPAZOS
Que iniciativas poderían aumenta-las facilidades de acceso e uso dun espazo (unha vivienda, un centro social, un obradoiro, etc.) sin que o mercado sexa o principal regulador? Que fórmulas de xestión poderiamos inventar para os solares baleiros, máis aló da necesaria reclamación da súa apertura como espazos públicos mentres non se edifiquen? Deberíase regular legalmente a okupación de edificacións abandonadas ou estes deben seguir sendo procesos á marxe do amparo institucional?
EXPRESIÓNS
Adicar algúns espazos na cidade para permiti-las pintadas é bo ou é un simple sistema máis de captura das expresións autónomas? Como se produce actualmente a aparición de discursos autónomos no espazo público (cartelería, pintadas, manifestacións, actividades en locais públicos, páxinas web…)? Que outros xeitos serían de interese para a cidadanía? Deberían explicitarse no espazo público as múltiples subxectividades presentes no barrio ou este debería seguir tendendo á procura desa imposible “neutralidade” (que, en realidade, é unha visión política coma outra calquera)? En que lugares se fai patente algunha forma de agresión lingüística (cartelería comercial, sinalizacións municipais, locais privados, equipamentos públicos, etc.)? Como poderían estar representados no espazo público a presenza de determinados conflitos políticos nas sociedades (migración, precariedade, etc.)?
AS ATOCHAS – MONTE ALTO
Que realidades determinan o singular sentimento “identitario” das Atochas–Monte Alto? Como se poden asumi-los beneficios dos procesos de “Sohización” (que levan uns anos sentíndose no barrio ca aparición de múltiples locales de ocio), sen provocar os procesos de reconstrucción inmobiliaria da zona, o aumento dos valores do solo, a presión @s veciñ@s, a reducción do barrio a imaxe-marca, etc.? Cales son as cualidades diferenciadoras do espazo urbano das Atochas–Monte Alto fronte a outras zonas da cidade? Que factores poden ter máis influenza na aparición de varios procesos sociais nas Atochas nos últimos anos (“tradición” do barrio, prezos do solo e dos alugueres, formas urbanas, situación na cidade, etc.)?
XÉNERO
A través de que mecanismos (publicidade comercial, cartelería municipal, deseño da cidade, materialidade, etc.) se fai patente no espazo público a discriminación dalgunha das sexualidades frente a outras? Que características (de situación, de horario, de privacidade, etc.) teñen os lugares-refuxio para toda práctica sexual non recoñecida? Que implicacións tería nos usos cidadáns deixar de considerar o xénero coma unha cualidade identificativa? En que lugares da cidade percibimos de forma directa a exclusividade de dous únicos xéneros (servicios públicos, locais de ocio, etc.)? Que caracteriza ós lugares onde a maioría das mulleres non se sentirían a gusto pola noite (iluminación, visibilidade, silencio, baleiro, etc.)?
PLANEAMENTO
Para que é necesaria a planificación urbanística? Que pasos se poderían dar para acadar unha participación cidadá non vencellada exclusivamente ás alegacións a posteriori? Que se lle podería pedir a un plan integral de rehabilitación do barrio? Cales son as “necesidades” urbanísticas dos centros sociais autoxestionados? Que lle pediríamos para As Atochas - Monte Alto á revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal da Coruña? A noción de “tapón urbanístico” pode ser, como xa o foi, unha forma de xustificar a destrucción das tramas urbanas máis complexas e incontrolables? Pódese alonxar dos discursos do control e a seguridade unha disciplina coma o urbanismo, pensada para “ordenar” a cidade?
Posted on Novembro 9th, 2009 por admin
Filed under: convocatorias
Leave a Reply