Proxección dobre - Numax presenta e 20 años no es nada

Parece moi oportuno dado o tema (okupación) proxectar o domingo 26 de xullo, logo das 21 horas a película aprazada do pasado fin de semana, NUMAX PRESENTA (1979) de Joaquím Jordà máis a súa continuación (se hai enerxías), 20 AÑOS NO ES NADA (2003)

NUMAX PRESENTA
(España, 1979)
Dirección e guión: Joaquím Jordà. Produción: Asemblea de traballadores de Numax. Fotografía: Jaume Perecaula. Duración: 105 minutos.

Filme único na historia do cinema español, un título militante financiado na etapa da transición pola caixa de resistencia dos traballadores dunha fábrica ocupada, a empresa barcelonesa Numax. Nunha operación absolutamente insólita terá a súa prolongación 25 anos despois (Veinte años no es nada). As dificultades da loita obreira en hábil combinación con fragmentos de representación do capital levan a un terrible e apaixonado cadro das ilusións e traizóns históricas fundamentais na transición política española.

VEINTE AÑOS NO ES NADA
(España, 2004)
Dirección: Joaquím Jordà. Guión: Joaquín Jordá, Laia Manresa. Produtor: Quique Camín. Produción: Ovideo TV. Fotografía: Carles Gusi. Duración: 117 minutos.

Regreso 25 anos despois aos traballadores da experiencia autoxestionaria do documental militante Numax presenta, que verifica a multiplicidade de posibilidades e formulacións de non ficción na obra de Jordá. Emotiva reflexión sobre o paso do tempo, as dificultades de mantemento das perspectivas de transformación social e persoal e os notables cambios acontecidos na evolución da sociedade española contemporánea.

Texto sobre Jordá:

En contraposición a boa parte das imaxes activistas, o cine en forma de ensaio radical e lúdico de Joaquím Jordà opta por estruturas elaboradas que exceden ou burlan sobradamente a elevada taxa de despolitización imperante. Á condición de francotirador une a sapiencia da autoconsciencia narrativa, a desusada e máis radical das complicidades cos desposuídos e un conxunto de recursos e procedementos lindeiros cos usos de vangarda que instalan os seus relatos na modernidade máis urxente e suxestiva, feito que contribúe de forma decisiva á reformulación na cinematografía nacional dunha produción documental de maior esixencia artística, sen deixar por iso de figurar apegado á realidade máis conflitiva nin eludir a posibilidade comunicativa aberta. A recente distribución oficial da película Veinte años no es nada, singular prolongación natural do que foi Numax presenta (1979), apaixonante experiencia de ocupación e autoxestión dunha fábrica que Jordá filmara entre decisións asemblearias e presupostos de caixa de resistencia cando o fervor revolucionario do período da transición política española declinaba, devólvenos a súa entusiasta presenza con tentativas de resposta, persoal e histórica (ben en paralelo aos abundantes interrogantes que presenta hoxe o documental), a dúas preguntas coas que pechaba, en medio dunha festa, o filme militante orixinal: “Que significou para ti esta experiencia?, que pensas facer agora?”.

Hedonista e sabio, depredador do solemne e tópico, Joaquím Jordá (1935) comeza como peza activa fundamental na vangarda antifranquista, desde a produtora UNINCI ou como pensador e impulsor da chamada Escola de Barcelona, fugaz movemento artístico de alardes frívolos, espírito de ruptura coas tendencias do realismo castizo e afán de transformación sociopolítica, onde dirixe a película de inspiración dadaísta Dante no es únicamente severo (1967). Exiliado uns anos en Italia, traballou como guionista –interesantes traballos de Aranda levan a súa firma-, docente, teórico, tradutor de máis de 150 libros (entre eles obras de Bourdieu, Baudrillard, Breton, Robbe-Grillet, Simenon, Stendhal, Sciascia, Magris, Tabucchi, Mekas ou Glauber Rocha), animador cultural e cineasta militante cámara en man: filma e vive nos albores post-68 historias de resistencia e compromiso alá onde vai: tupamaros, fascistas italianos, disidentes do Portugal de Salazar, o centenario de Lenin ou os obreiros de Numax.

Empeñado con paixón en revitalizar o cine de non ficción, que considera, non como unha reportaxe, ”senón unha elaboración a partir de feitos reais”, crea unha obra a modo de artefacto comunicativo e expresivo de carácter político moi capaz de explorar as capacidades das formas de expresión para o compromiso, albiscar a ruptura das fronteiras convencionalmente trazadas entre documental e ficción polas que transita o audiovisual actual máis estimulante e estimular sutís xogos ao redor das nocións de reprodución, representación e creación. Jordá articula un cinema iconoclasta de elección persoal onde a vivencia, os dispositivos retóricos e a reflexión se integran.

Os exemplos (El encargo del cazador, Monos como Becky, De niños) permanecen vivos como fitos estéticos e sociopolíticos contemporáneos, narracións que desmantelan a noción avasaladora do sistema-espectáculo do supermercado da arte, rompen, á maneira que dicía Barthes, o seu significado imposto. A procura de creación dun suxeito activo, político e produtivo -non en van Jordá e Negri coinciden en tantos postulados-, presenta unha confrontación deliberada fronte ás estratexias globalizadoras da depredación e o substrato ideolóxico dominante desenvolvido desde os poderes fácticos. Santi Eraso, director de Arteleku, aludía cunha expresión, “performatividade da subxectividade”, á converxencia que en Jordá se presenta entre vida, obra, actitude e acción. O performativo equivale á acción máis o seu cumprimento, desviándose da procura de obxectividade e situando en primeiro lugar a comunicación.

A insurrección contra as forzas da normalización e a simultánea denuncia da nosa asimilación ou pasividade cara ás estratexias das estruturas de imaxes hexemónicas, leva en Jordá a dinamizar e suxerir esa provocación do cambio a partir de sucesos e feitos de expresión, efectos de saber. Creatividade desde a disidencia –á vez resistencia-, propón un modelo social paralelo que crece a pasos axigantados e que, favorecido pola ruptura da división tradicional tecnoloxía/ ideoloxía a través dos usos dixitais, el concibe en sintonía cos acontecementos.

“Os últimos documentais de Joaquím Jordá convertéronse en referentes dun público que non se comprace coas calidades estritamente cinematográficas. Desde 1979, ano en que realizou Numax presenta, as películas de Jordá aparecen vinculadas a debates máis amplos. Numax presenta (1980) testemuñou o peche dunha fábrica barcelonesa xusto no momento no que os políticos españois firmaban o Pacto da Moncloa. Despois El encargo del cazador (1990) reunía as voces daquela xeración que protagonizara a transición democrática española. Monos como Becky (1999) cuestionou os límites da psiquiatría. E máis tarde De niños (2003) trenza a rexeneración urbana do Raval barcelonés cun caso de pederastia. Por último, Veinte años no es nada (2004) reúne os protagonistas de Numax presenta para comprobar que foi dos desexos expresados vinte e cinco anos antes. As historias de vida que cada un deles contan compoñen un friso atípico da nosa historia recente. Así é como o cine de Jordá se asociou coa urxencia por abordar problemáticas de actualidade que a miúdo tamén reciben unha intensa atención mediática. No seu caso a película é un elo máis na cadea da opinión pública, un instrumento para entrar en debate.

A súa participación na Escola de Barcelona, momento no que produce Dante no es únicamente severo (1967), a súa posterior etapa de militancia ortodoxa ao servizo do PCI (Partido Comunista Italiano) e o período que se abre tras o seu regreso a España en 1973, para retomar a práctica do cine que abandonara momentaneamente, ofrecen tres contextos radicalmente distintos, e á vez, tres modelos de produción moi diferenciados na súa carreira persoal. Aínda que non deberiamos esquecer que o perfil de Jordá vai máis alá da realización de películas. Tamén é guionista, tradutor e profesor.

De aí que Jordá se convertera nun referente para novos realizadores que atopan nel unha forma de facer cine á marxe de modelos de produción dominantes. A azarosa traxectoria de Jordá amosa que o seu cine é o reflexo de modelos de produción dispares e ás veces antitéticos. Na súa filmografía atoparemos documentais, ficcións e películas militantes, así como formatos distintos e presupostos desiguais. Non obstante, isto é o que lle confire un acabado realista que non recorre a ningún tipo de naturalismo para confeccionar as súas obras. Ao contrario, o seu cine sostense sobre a capacidade de reflectir e dar cabida ás condicións humanas e materiais coas que traballa.

Poderíase definir a Jordá como un intelectual que fixo do cine un espazo común no que, por dicilo dalgunha maneira, o momento do cinefórum está integrado na película. Cada unha das súas producións xerou tamén públicos específicos atraídos pola promesa de participar nun debate. Tal como suxeriu algunha vez, a el só lle interesa producir a situación. “Eu me preocupo máis pola mise en place da escena e do plano, que non por como o captará a cámara. Organizo a situación e despois retírome. Podería ir tomar un café e regresar cando todo está feito.” Isto é o que poderiamos cualificar, sen ningún xénero de dúbidas, un “cine de situación”.

Carles Guerra

Leave a Reply