Xoves 26- AVISO
A partires desta semana o Obradoiro de pandeireta e baile vai comezar ás 18:30h e a idea é dedicar a pandeireta os primeiros 45 minutos e despois outros 45 minutos ó baile.
Ás 20:30h Proxección do ciclo “Historias da Galiza”. Presentación e coloquio co autor.
MIGUEL CASTELO
(Freás de Eiras, Ramirás, Ourense, 1946)
Director, produtor e activista cultural.
Un dos pioneiros do cine galego contemporáneo que a mediados dos setenta realizaron as primeiras curtametraxes en 35mm en galego; a súa aportación foi o fermoso filme sobre a emigración O pai de Migueliño. Partidario de explorar os camiños dun cinema das nacionalidades, en 1979 crea unha distribuidora alternativa (Rula). Desde entón permanece activo, especialmente no eido da crítica cinematográfica. A comezos dos 90 crea Abrago Filmes, coa que realiza varios proxectos propios e ampara a produción de novos cineastas.
O PAI DE MIGUELIÑO (1977)
Adaptación dunha das estampas de COUSAS de Castelao.
Un mozo no momento de principia-la súa viaxe á emigración europea, rememora unha pasaxe da súa nenez: a ilusión coa que agardara a volta do seu pai das “américas”. Migueliño tiña idealizada a imaxe do seu pai no seu mundo infantil.
O DESEXO (1994)
Adaptación dun relato de Dieste.
Galiza nos anos trinta. Alá na montaña, un vello participa aos seus fillos a necesidade de que se lle cumpra un desexo que semella ter acochado fai tempo “Eu quería ve-lo tren”. Participa deste desexo ao seu neto que sente o mesmo desexo: “Cando eu medre tamén ei dir e andar no tren”
Tirada do relato “O vello que quería ve-lo tren” pertencente ao libro Dos arquivos do trasno de Rafael Dieste, a historia discorre arredor dos anos 30 nunha zona montañosa do interior de Galiza, e dicir, na Galiza máis profunda. Os seus protagonistas representan a tres xeracións distintas que engloban o período social máis descorazonador da Galiza contemporánea, que ía provocar un masivo éxodo a América. Ao “norte” como se dicía e aínda se dí nalgúns lugares. E así a idea do progreso, do futuro, a percepción doutro mundo no que existen oportunidades e esperanza de se abrir camiño na vida, adopta na imaxinación destas xentes a forma de lonxanía. Un mundo que está moito máis aló do seu e ao que se accede en grandes enxeños mecánicos como o ferrocarril. A adaptación cinematográfica do relato está estructurada en breves secuencias dende a relembranza- e, principalmente, dende a ollada do vello, emocionalmente o perdedor consciente da historia-, ao contrario do que a estructura literaria orixinal, que se desenvolve en tempo real. Cun tratamento poético e realista, O desexo pretende ser unha visión da sombría realidade social galega dos anos trinta, exemplificando nun suceso local un sentimento universal de esperanza.
Localizada en Poboa de Brollón, Quiroga.
Posted on Febreiro 23rd, 2009 por desejoprecario
Filed under: convocatorias
Leave a Reply