Cine: domingo 21 de setembre, 21.00 horas.
Proxección e presentación do documental político Informe general sobre algunas cuestiones de interés para una proyección pública (1977) de Pere Portabella.
INFORME GENERAL SOBRE ALGUNAS CUESTIONES DE INTERÉS PARA UNA PROYECCIÓN PÚBLICA
(España-Italia, 1977)
Dirección e guión: Pere Portabella. Guión: Pere Portabella, Carles Santos y Octavi Pellisa. Producción: Pere Portabella/ UNITELFILM (Italia). Fotografía: Manel Esteban (16 mm). Con Felipe González, Jordi Pujol, Santiago Carrillo, Marcelino Camacho. Dur.: 158 min.
Transición política española, finais de 1976, inicios de 1977: os partidos políticos non están legalizados. A incertidume dun país atenazado por anos de oprobio a través das testemuñas de actores sociais pertencentes a todo o espectro político, nunha estimulante diversidade e dimensión figurativa, pola que a elaboración dun insumiso colage de rexistros (e materiais de heteroxénea procedencia) e as inclusións musicais de Carles Santos aproximan estratexias de ficción e non ficción noutro dos paseos de Portabella pola modernidade. A celeridade dos acontecementos reais fixolle tóma-la decisión de non estrear comercialmente a película, da que presentamos a última e recente montaxe.
Figura clave das artes e a política contemporánea, Pere Portabella (Figueres, 1927) presentou de maneira recente a súa última película, El silencio antes de Bach (2007). Autor de títulos esenciais como Nocturno 29 (1968), Umbracle (1972), a película-asamblea El Sopar (1974) -xa vista na Casa das Atochas-, o documental político Informe general sobre algunas cuestiones de interés para una proyección pública (1976) ou Pont de Varsovia (1989), a súa obra representa un cambio no paradigma artístico moderno, xa que se desliga do cine asociado á literatura e aboga por vías tendentes á relación coas artes plásticas e a música. Ademais, Portabella produciu a xentes de renome e foi docente, guionista, así como senador polo PSUC.
A crónica política Informe general sobre algunas cuestiones de interés para una proyección pública (1977) establece un complexo xogo coa retórica visual da entrevista. A entrevista a cámara e o diálogo entre os diversos actores sociais en certa maneira encargados da reconstrucción do país, remiten ás estratexias da historia oral e os seus procesos de verbalización: a representación aparece presente na propia profesión e modos retóricos dos seus protagonistas. Portabella axusta imaxe-texto e punteos musicais de Carles Santos, ao tempo que emprega outros materiais: arquivo, filmacións de actos e lugares históricos (manifestacións e sucesos en Madrid, Barcelona e Vitoria; espazos como o Valle de los Caídos, o Palacio del Pardo, as ruinas de Belchite, o Parlament de Catalunya e o Palau de la Música), apropiación de fragmentos de Raza (1941), película con guión de Francisco Franco; lectura da Declaración dos Dereitos Humanos apoiada nunha dramatización da detención dun grupo político e ficcionalización da súa tortura (material apropiado dun título militante latinoamericano); un actor lembrando os puntais legales, forma de estado e funcionamento da dictadura franquista, ademais de aportar un informe económico; unha reconstrucción polos seus avogados do recorrido final de Txiqui, un dos últimos executados do franquismo; un recital de ópera con Montserrat Caballé que pecha o film.
Políticos da esquerda oficial, do PSOE, PSP ou PCE (Felipe González rexeitando a unidade da esquerda nun anticipo do porvir case inmediato, Raúl Morodo, Tamames, Tierno Galván, Sánchez Montero, Carrillo) á extrema esquerda (Eugenio del Río polo MC, Amancio Cabrero de ORT, Nazario Aguado do PT) pasando por sindicalistas (Camacho, Redondo), nacionalistas cataláns (Pujol ou López-Raimundo) ou vascos (o malogrado Mario Onaindia), un monárquico democrático (Senillosa), un demócrata cristiano (Ruiz-Jiménez), exiliados (Prats e Carretero) ou dereitistas como José María Gil Robles, reflexionan sobre os tempos de reconstrucción histórica que se avecinan en escenarios elaborados cun valor simbólico á altura da súa dimensión socioeconómica e política (chalet abandonado para o todavía ilegal Carrillo, interior luxoso para os políticos cataláns, un bufete para a esquerda acomodada, a esquerda radical falando desde as azoteas, sindicalistas de base nunha vivenda humilde). As únicas entrevistas individuais son as de Carrillo e Senillosa, que pecha as declaracións do film cun xugoso e contraditorio parlamento.
Posted on Setembro 19th, 2008 por desejoprecario
Filed under: Sen clasificar
Leave a Reply